
06 Mai DÍA DE EUROPA 2019
O ministro de Asuntos Exteriores francés, Robert Schuman (1886-1963), o 9 de maio de 1950, pronunciou un discurso que hoxe é xa histórico; naquela convocatoria pública, presentou unha proposta desenvolta por el para a creación dunha Europa organizada. Schuman baseouse en que a unión dos países europeos era o requisito indispensable para o mantemento de relacións pacíficas.
Esta proposta, que pasou a ser coñecida como “Declaración ou Plan Schuman”, considérase o inicio do nacemento do que actualmente é a Unión Europea. Na devandita Declaración, Schuman chamaba a Francia e a Alemaña a superar a súa rivalidade histórica e a liderar a construción de Europa.
A declaración plasmouse definitivamente no Tratado de París, que se asinou apenas un ano despois da presentación da proposta, o 18 de abril de 1951.
Naquel acordo recolleuse a creación da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro ( CECA), á que se adherirían, ademais de Francia e Alemaña, catro países máis: Bélxica, Italia, Luxemburgo e Países Baixos.
Unha vez en funcionamento a CECA, ampliaríase a comunidade a outros países europeos para formar un espazo de libre circulación de persoas, mercadorías e capitais. Este sistema cruzado de intereses evitaría a posibilidade dunha nova guerra.
Sen dúbida, este foi o primeiro paso para a creación dunha Federación Europea que co tempo desembocou na Unión Europea.
Na Declaración Schuman, no Cume de Milán de 1985, o Consello Europeo decidiu declarar o 9 de maio como Día de Europa en conmemoración dese discurso do ministro francés de Exteriores.
Para celebrar o Día de Europa, desde primeiros de maio, as institucións da UE abren as súas portas aos cidadáns en Bruxelas e Estrasburgo. As representacións da UE en Europa e o resto do mundo organizan unha variedade de actividades e eventos de difusión dos labores e accións que se realizan, moi participativos e para todas as idades.
A experiencia indica que cada ano son miles os asistentes ás visitas, debates, concertos e outros actos que celebran o Día de Europa e dan a coñecer a UE.
A través das seguintes ligazóns pódense consultar as actividades programadas para celebrar a Semana de Europa:
- http://www.europarl.europa.eu/spain/es/sala_de_prensa/communicados_de_prensa/pr-2019/05-2019/300420192.html
- https://ec.europa.eu/spain/events/europe-day/galicia
Descarga o contido neste enlace