10 Abr O Consello da Auga da Demarcación Miño-Sil informa favorablemente o proxecto de Plan Hidrolóxico para o ciclo 2022-2027
- O documento foi informado pola Xunta de Goberno e polo Comité de Autoridades Competentes, antes da súa elevación ao Consello da Auga, máximo órgano participativo de planificación
- O novo texto inclúe un programa de medidas con 320 actuacións e un orzamento global de 444,14 mill/€ para o horizonte 2027
- A destacar a ampla participación pública, 972 observacións recibidas, case tres veces máis que no ciclo anterior, no que foron 375
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), reuniu esta mañá aos órganos de goberno, participación e cooperación da demarcación, -Xunta de Goberno, Comité de Autoridades Competentes e do Consello da Auga-, para dar conta dos contidos consolidados do proxecto de plan hidrolóxico para o ciclo 2022-2027, tras o período de consulta pública de 6 meses, finalizada o pasado 22 de decembro.
O proxecto do Plan, tras informe do Consello da Auga, será trasladado ao MITECO. Entre outros trámites posteriores destácase o informe que deben realizar o Consello Nacional da Auga, o Consello Asesor de Medio Ambiente, adscrito ao MITECO e o Consello de Estado, e a finalización da tramitación ambiental estratéxica preceptiva. A aprobación deste documento, cos cambios que se poidan producir neste proceso, será mediante un Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros.
Previamente, e esta mesma mañá, o documento foi informado pola Xunta de Goberno e polo Comité de Autoridades Competentes, antes da súa elevación ao Consello da Auga da Demarcación, máximo órgano participativo de planificación da conca.
O novo Plan
Durante as sesións dos órganos colexiados detalláronse todos os contidos do proxecto de plan hidrolóxico, principalmente os relativos á nova caracterización das masas de auga, o novo inventario de recursos hídricos naturais, o impacto do cambio climático, o estudo de presións e impactos da actividade humana nas masas de auga, a actualización das demandas, o estado das masas de auga e os obxectivos ambientais fixados.
Como situación de partida, tras a avaliación de estado levada a cabo no ano 2020, conclúese que o 75% das masas de auga superficial e o 92 % das masas de auga subterráneas alcanzan bo estado.
En base ao anterior elaborouse un Programa de Medidas que consta de 320 actuacións cun orzamento global de 444,14 millóns de euros para o horizonte 2027, co obxectivo de lograr o bo estado de todas as masas de auga e de reducir as presións e impactos que as diferentes actividades ocasionan.
Estas actuacións concrétanse en 102 medidas para reducir a contaminación puntual cun orzamento de 127,91 millóns de euros, 33 medidas para actuacións de restauración e conservación das masas de auga, cun orzamento 131 millóns de euros, as relativas a xestión do risco de inundación con 57 millóns de euros, e melloras na gobernanza relacionadas coa dixitalización, tanto do sistema automático de información hidrolóxica (SAIH), como de calidade das augas (SAICA), a través dun orzamento de 55 millóns de euros.
En canto ao investimento por administracións, o Estado, a través da Dirección Xeral da Auga do MITECO e da CHMS, prevé un investimento de 289,94 millóns de euros, o 65,28 % do total, as Comunidades Autónomas 76,73 millóns de euros, o 17,28 %, e as entidades locais 56,01 millóns de euros, o 12,61 %.
Participación pública
É importante destacar a ampla participación pública, neste sentido indicar que se recibiron 972 observacións, case tres veces máis que no ciclo anterior, que ascendeu a 375; destas agregáronse ao novo texto o 50,41 %, aínda que, todas foron contestadas e en base ás mesmas elaborouse un informe que foi incorporado ao documento exposto a cada un dos órganos colexiados.
No relativo á temática das mesmas, 195 versaron sobre caudais ecolóxicos, 181 sobre as alteracións hidromorfológicas, 170 sobre usos hidroeléctricos e 161 sobre zonas protexidas, principalmente na Rede Natura 2000. Ademais, recibíronse 136 sobre concesións e prioridades de uso, 118 dominio público hidráulico, 110 programa de medidas e 104 sobre aspectos relativos á minería, especialmente a lousa.
Fonte: CHMS