O Goberno declara 67 novas reservas hidrolóxicas que inclúen lagos e acuíferos por primeira vez

O Goberno declara 67 novas reservas hidrolóxicas que inclúen lagos e acuíferos por primeira vez

  • Con estas incorporacións, o Catálogo Nacional de Reservas Hidrolóxicas pasaría a contar con 289 reservas, incluíndo por primeira vez reservas naturais lacustres e subterráneas
  • Por primeira vez inclúense máis de 12 quilómetros cadrados (km2) de lagos e 1000 km2 de acuíferos, sumados aos novos tramos de ríos e os xa declarados, farán un total de máis de 3848 km de leito baixo esta figura de protección
  • Na Demarcación Miño-Sil inclúe 6 novas RH, 3 Reservas Naturais Fluviais, Río Xares e San Xil, en Galicia, e Río Ancares en Castela e León, que abarcan 76 km. 2 Reservas Naturais Subterráneas, o Pedregal de Irimia en Galicia, e Fonte da Leiteira en Castela e León, que abarcan 4,2 km2. Por último, 1 Reserva Natural Lacustre en Castela e León, o Complexo lagunar dos Lagos da Baña, de 80 000 m2
  • España ten un compromiso firme coa preservación do seu capital hidrolóxico, por este motivo o MITECO investiu preto de 22 millóns en medidas de conservación e melloras nas reservas fluviais

 

O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), declarou 67 reservas hidrolóxicas en todo o país, entre as que se inclúen 26 novas reservas naturais fluviais e, por primeira vez, 19 reservas naturais lacustres e 22 reservas naturais subterráneas.

A declaración de 26 novas reservas naturais fluviais e a ampliación de dous tramos de ríos, cunha lonxitude de 518,37 km, eleva o número total de espazos protexidos deste tipo a 248, cunha extensión de 3848,51 quilómetros. Ademais, agregáronse 19 reservas naturais lacustres cunha área de 12,34 km2 e as 22 novas reservas naturais subterráneas, de 1077,11 km2 de superficie.

Este proceso é froito do traballo realizado polas Confederacións Hidrográficas para a revisión dos plans hidrolóxicos de terceiro ciclo (2022-2027). Como resultado, identificáronse e incluíronse no novo plan varios tramos de ríos, lagos e augas subterráneas que cumpren coas características necesarias para ser reserva hidrolóxica. O Catálogo Nacional de Reservas Hidrolóxicas, que dá soporte a toda a información técnica sobre estes espazos, conta na actualidade con 222 reservas naturais fluviais: 135 en concas intercomunitarias e 87 pertencentes a concas intracomunitarias. Con estas incorporacións, o Catálogo pasa a contar con 289 reservas.

 

DEMARCACIÓN DO MIÑO-SIL

O documento inclúe 6 novas reservas hidrolóxicas, 3 delas catalogadas como Reservas Naturais Fluviais, Río Xares e San Xil, en Galicia, e Río Ancares en Castela e León, que abarcan 76 km. 2 Reservas Naturais Subterráneas, o Pedregal de Irimia en Galicia, e Fonte da Leiteira en Castela e León, que abarcan 4,2 km2. Por último, unha Reserva Natural Lacustre situada en Castela e León, o Complexo lagunar dos Lagos de Báñaa, de 80 000 m2.

 

ESPAÑA PROTEXE O SEU CAPITAL HIDROLÓXICO

Desde a súa declaración, o Ministerio investiu máis de 5,5 millóns no desenvolvemento das medidas de conservación e mellora. Nestes momentos dispón dun investimento en execución de 3,8 millóns e está en camiño a execución dun investimento próximo aos 14 millóns no marco do Fondo de Recuperación, Transformación e Resiliencia. É dicir, en total preto de 22 millóns de euros están investidos en preservar estes espazos naturais de gran valor ecolóxico.

Estas iniciativas inclúen a eliminación de presas abandonadas e a construción de escalas de peces e outras actuacións de permeabilización de obstáculos, así como o control de especies exóticas invasoras, a mellora da vexetación costeira, a creación de humidais e a celebración de sesións informativas. Así mesmo, inclúen outras actuacións ambientais realizadas en colaboración cos Concellos e Comunidades Autónomas.

 

AVALIACIÓN ANTE OS IMPACTOS DO CAMBIO CLIMÁTICO

Debido a que as áreas protexidas son lugares de baixa presión humana, as reservas hidrolóxicas constitúen un escenario inmellorable para avaliar os efectos do cambio climático nos ecosistemas de ríos e lagos, e aqueles asociados a auga subterránea.

Actualmente, o MITECO traballa para implantar unha rede de seguimento do cambio climático en cada un dos tres tipos de reservas hidrolóxicas, onde se realizarán análises de gabinete e campo para avaliar os cambios en variables meteorolóxicas, hidrolóxicas, hidroxeolóxicas, morfolóxicas ou de vexetación de ribeira, entre outras.

Fuente: CHMS