O Goberno actualiza os plans de xestión do risco de inundación

O Goberno actualiza os plans de xestión do risco de inundación

  • Aprobáronse os plans da demarcación de Galicia-Costa, e das demarcacións hidrográficas do Cantábrico Occidental, Guadalquivir, Segura, Júcar e da parte española das demarcacións do Miño-Sil, Douro, Tajo, Guadiana, Ebro, Ceuta e Melilla
  • O orzamento total previsto é de 2235 millóns de euros
  • Os plans profundan especialmente no estudo do impacto do cambio climático para prepararse aos seus peores impactos
  • Priorizar actuacións para compatibilizar o bo estado de masas de auga co risco de inundación, xunto con proxectos de adaptación ao risco en edificacións e outros bens públicos

 

O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e do Ministerio do Interior, aprobou o 17 de xaneiro dous reais decretos que determinan, por unha banda, os plans de xestión do risco de inundación (PGRI) das demarcacións intercomunitarias do Cantábrico Occidental, Guadalquivir, Segura, Júcar e da parte española das demarcacións hidrográficas do Miño-Sil, Douro, Tajo, Guadiana, Ebro, Ceuta e Melilla, e, por outro, da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

Estes plans son unha ferramenta clave para planificar e reducir o risco de inundación nos próximos 6 anos. Por iso, inclúen medidas que consideran todas as fases do ciclo de xestión do risco, prevención, protección, preparación e recuperación. Na súa elaboración tívose en conta a implicación de todas as administracións, e da sociedade, que debe ser partícipe de todo o proceso e estar informada do risco que lles afecta e do que poden facer para reducilo.

Os PGRI profundan especialmente no estudo do impacto do cambio climático para prepararse aos seus peores impactos, de acordo ca Directiva de Inundacións e a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética. Por iso, analizouse o impacto que pode ocasionar o cambio climático nas Áreas de Risco Potencial Significativo de inundación (ARPSI) designadas nos plans.

PERCEPCIÓN DO RISCO E ADAPTACIÓN

Doutra banda, a mellora da conciencia pública na preparación ante as inundacións, o incremento da percepción do risco e a adopción de estratexias de autoprotección, son esenciais para poder aplicar con éxito os plans. Por iso, unha das medidas máis importantes previstas neste ciclo é a elaboración e implantación dunha Estratexia Nacional de Comunicación do risco de inundación e adaptación ao cambio climático.

Así, os PGRI supoñen a consolidación dos programas de adaptación ao risco de inundación, e inclúen o desenvolvemento de programas específicos para o incremento da resiliencia e a adaptación ao risco de inundación nos sectores ou ámbitos territoriais máis severamente afectados a través de reais decretos de axudas como os aprobados para diversos municipios do Campo de Cartaxena (Real Decreto 1158/2020), o tramo medio do Ebro e afluentes (Real Decreto 731/2022) e a veiga baixa do río Segura (Real Decreto 786/2022).

MELLORA DOS SISTEMAS DE PREDICIÓN E ALERTA

Neste segundo ciclo está prevista a implantación de dúas ferramentas que contempla a Lei do Sistema Nacional de Protección Civil, a Rede Nacional de Información sobre Protección Civil (Lei 17/2015) co obxecto de interconectar todos os datos e informacións necesarias para garantir respostas eficaces ante a emerxencia entre as Administracións Públicas competentes, e a Rede de Alerta Nacional. A través deste sistema realizarase a comunicación de avisos de emerxencia ás autoridades competentes en materia de protección civil e das alertas meteorolóxicas e hidrolóxicas para que os servizos públicos esenciais e os cidadáns estean informados ante calquera ameaza.

Os PGRI prevén tamén un investimento de máis de 100 millóns de euros para a modernización e optimización das redes de control, o incremento de puntos de medición e o desenvolvemento de ferramentas informáticas para a axuda á decisión en situación de avenidas.

SOLUCIÓNS BASEADAS NA NATUREZA

Nos novos plans de xestión do risco de inundación tamén se potencia a execución de medidas que incrementen o espazo fluvial, recuperación de hábitats, creación de chairas de inundación e retranqueo ou eliminación de obras de protección obsoletas ou con pouca funcionalidade, todo iso en coordinación coa planificación hidrolóxica e a protección dos hábitats e especies.

En concreto, prevese a execución de máis de 100 novos proxectos cun importe de aproximadamente de 570 millóns de euros, que supón un 30% do investimento.

OBRAS DE PROTECCIÓN FRONTE A INUNDACIÓNS

Ao mesmo tempo tamén se inclúe a execución de actuacións estruturais que reducen o perigo de formas puntual en zonas xeralmente urbanas ou que teñen impacto sobre infraestruturas que afectan á seguridade das persoas, combinadas con outras actuacións de xestión e avaladas por estudos de custo-beneficio que xustifican a viabilidade da alternativa seleccionada. Está prevista a execución, nunha primeira fase de actuacións prioritarias que contan xa con estudos de custo beneficio favorables publicados nestes plans, ás que se irán sumando as actuacións que se vaian analizando e desenvolvendo durante este ciclo, cun total de investimento estimado nuns 600 millóns de euros.

ORZAMENTO DOS PGRI DE SEGUNDO CICLO

O investimento previsto no segundo ciclo nos plans que hoxe se aproban é de máis de 2100 millóns de euros para as demarcacións intercomunitarias, aos que hai que sumar os 109 previstos no plan da demarcación de Galicia-Costa, o que significa un incremento de máis do dobre respecto ao orzamento dos plans de primeiro ciclo.

Un resumo máis amplo do contido destes plans pode consultarse na páxina web do MITECO.

Fonte: CHMS