Instalan na Pobra do Brollón unha estación de control do caudal do Saa

Instalan na Pobra do Brollón unha estación de control do caudal do Saa

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil deu por terminados os traballos de instalación dunha estación de control do caudal do río Saa na Pobra do Brollón. A nova estación, segundo precisan desde este organismo, está situada na área de risco potencial significativo de inundación do municipio, definida na planificación de prevención deste tipo de incidentes. As instalacións, engaden, teñen o fin de «facilitar o control e a capacidade de reacción en períodos de choivas abundantes que produzan incrementos considerables de caudal».

Os traballos, segundo apuntan doutra banda desde a confederación hidrográfica, contaron cun orzamento de 30.075 euros e consistiron na instalación dos equipos necesarios para medir e transmitir en tempo real os datos do nivel da auga na canle do Saa, así como da pluviosidade e a temperatura da zona. As variables recollidas por estes instrumentos xa están a recibir de forma automática -renovándose cada cinco minutos- no centro de control de conca da confederación, situado en Ourense .

Os datos relativos ao caudal do Saa poden consultarse na páxina web da confederación hidrográfica -na sección «Datos en tempo real»- do mesmo xeito que os das demais estacións de control situadas en diferentes puntos do ámbito de actuación deste organismo.

 

Apoio europeo

As obras de instalación da estación de control da Pobra do Brollón encádranse nos programas denominados de control e medidas de retención natural do proxecto Risc-ML, que ten o obxectivo de previr inundacións e secas na conca internacional do Miño e o Limia. Máis concretamente, a actuación forma parte dunha acción encamiñada á ampliación das redes de sistemas automáticos de información hidrolóxica e de calidade das augas cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do programa Interreg V.